Experiencias motivadoras
Como aprendín galego
Eu nacín en Varsovia, pero os meus pais eran de Rzészow, no sureste de Polonia, preto de Ucraína, dunha rexión que se chama Galitsia. Cando era neno, pasaba alí as vacacións de verán coa miña familia. Unha vez, cando tiña uns doce anos, o meu avó Alojzy díxome que moi lonxe, no extremo occidental de Europa, había outra Galicia; de primeiras, pensei que estaba de brincadeira, mais ao volver á escola en Varsovia vin nun atlas universal que era certo. Dende entón, intereseime na historia da “outra” Galicia e lin todo o que atopei sobre o tema. Nunha enciclopedia aprendín que tiña unha lingua propia, derivada do latín, e decidín que algún día aprendería a falala. Cando rematei a universidade fixen por aprender galego, mais daquela en Polonia non era posíbel e tiven que me conformar con estudar algo de castelán e mais italiano. Moito tempo despois, tiven a oportunidade de visitar Vigo e tentei falar as miñas primeiras verbas en galego; nesa viaxe conseguín algúns libros de literatura galega, especialmente de Blanco Amor, e un dicionario. Cando volvín a Varsovia usei estes materiais para, polo menos, iniciarme na escrita. O primeiro paso que dei foi traducir relatos que escribira eu en polaco; despois, fixen por escribir directamente en galego. Para iso daba paseos pola cidade e apuntaba nun caderno todas as cousas que ía vendo: as caixas de correos, os bares, as tendas, os cans... Ao chegar á casa, procuraba todas esas palabras no dicionario guiándome polo que xa sabía da lingua. Co tempo, decateime de que ía anotando menos palabras no caderno e de que escribía con bastante soltura. Agora quero probar a escribir unha novela enteira directamente nesta lingua.
A miña familia é galiciana, pero a min gústame pensar que eu agora tamén son un pouco galego.
Este texto foi escrito especialmente para Lingu@net Europa e publícase co permiso do seu autor Piotr H. Chorenu.
Para o protagonista desta historia o importante é ler e escribir na lingua que está aprendendo. E vostede, ¿que estilo de aprendizaxe emprega?
