Voltar ao principio dos contidos da páxina.
Vostede está en

Experiencias motivadoras

A historia de Katja

Sempre me gustou aprender idiomas, e por iso decidín estudar linguas, entre elas portugués e español, na Universidade de Leipzig. Nela coñecín un profesor de Galicia que foi o meu primeiro contacto co mundo do galego. Faloume da posibilidade de continuar os estudos alí e non o pensei nin dous segundos. Solicitei unha bolsa e concedéronma. Despois da alegría inicial, empecei a pensar como faría para poder comunicarme en Galicia, xa que descoñecía a lingua totalmente. Ademais, na miña universidade non había departamento de galego e tampouco coñecía a ninguén de Galicia.

Como non podía practicar a lingua con ninguén e encántame a lectura, empecei a ler libros en galego, e servinme para este primeiro achegamento dos meus coñecementos sobre castelán e portugués. Penso que ler revistas ou novelas estranxeiras é unha forma máis divertida de aprender palabras novas que as aburridas listas de vocabulario. Subliñaba os termos que descoñecía e escribía a tradución ao seu lado. O libro que estivera lendo nese momento viña comigo a todas partes: á universidade, cando esperaba o autobús...

Ademais, a lectura permitíame deducir de xeito implícito as regras gramaticais e morfosintácticas que ía anotando coidadosamente e das que elaboraba esquemas. Procuraba, coa maior frecuencia posible, reproducir por escrito as estruturas aprendidas e elaborar textos curtos.

Tamén me gusta moitísimo cociñar e probar comidas doutros países, así que cun libro de receitas en galego empecei a experimentar na casa. ¡Agora a miña empanada é famosa! Deste xeito, aprendín moito vocabulario relacionado cos alimentos e verbos útiles para a cociña.

Actualmente, vivo en Santiago de Compostela e comparto piso con xente galega. Cada día que pasa aprendo expresións novas e podo expresarme mellor en galego, sobre todo cando vou á praza e teño que falar coas vendedoras, ¡é toda unha experiencia!

Este texto foi escrito especialmente para Lingu@net Europa e publícase co permiso da súa autora Elise Katja Richter

Nesta historia a estudante é consciente das estratexias que usa. Para ela é importante ler na lingua que se está a aprender, como forma motivadora de aprender vocabulario e deducir as estruturas propias da lingua. ¿Gustaríalle ver máis consellos?

[ arriba ]