Experiencias motivadoras
Como unha tarefa imposible se fixo posible: Aprendendo chinés
Sempre soñara con aprender chinés, así que un día entrei nunha tenda a mirar bibliografía específica e vin a caligrafía chinesa, que sempre me fascinara. Todas as páxinas estaban cheas destes fermosos caracteres, de dificultade crecente canto máis avanzaba na lectura: liñas e puntos, ganchos e curvas. A medida que profundaba no libro semellaba máis e máis complexo. Parecía absolutamente imposible. Tiña un remuíño na cabeza que me dicía que NUNCA o conseguiría. Pechei o libro rapidamente, púxeno no andel e saín da tenda.
Non obstante, a esperanza é o último que se perde. Un ano despois (cando xa me recuperara do trauma) estaba estudando chinés no Centro de Educación para Adultos. Tal e como esperaba, foi difícil, confuso e desesperadamente complicado. Pero, ao mesmo tempo, facíame tanta ilusión ser capaz de dicir unha frase en chinés! Un cuadrimestre despois continuaba os estudos na universidade.
Agora os meus estudos son case unha manía. Xa escoitara falar das tarxetas individuais. Son cartóns pequenos e cadrados co carácter chinés por diante e o significado e a pronunciación por detrás (unha forma boísima de aprender os caracteres). A maoría das palabras chinesas teñen dous caracteres ou máis, así que as tarxetas que fixen non tiñan ese vocabulario, senón que eran os elementos básicos da lingua. Se coñeces estes elementos, podes aprender a construír as palabras.
As tarxetas ían a onde ía eu. Sempre levaba unhas cantas no peto, e cando tiña un minuto libre sacábaas: cando andaba pola rúa, cando esperaba o autobús, no metro... Mesmo cando ía en telesquí!
Tras un cuadrimestre na Universidade de Estocolmo, atopeime en Pequín, onde puiden dedicarme con máis intensidade aos meus estudos. Foi tan marabilloso estar alí, no Reino Medio e poder falar con xente chinesa!
En realidade, a palabra "falar" era unha esaxeración neste momento. O que sabía era expresar o máis necesario, pero entender unha oración enteira era todo un acontecemento. Decateime de que, realmente, era posible aprender esta lingua, pero precísase tempo, enerxía, paciencia e moito interese.
Durante ese período non fixen máis que estudar. Ía á clase, facía os deberes, e continuaba cun profesor privado todas as tardes. Dediqueille un total de 11 horas ao día, de 6.30 da mañá ata as 7 da tarde (quitando unha hora para comer). Despois, miraba a televisión chinesa durante dúas horas todas as noites. Aí remataba o día (ou o día remataba comigo!).
Aprender chinés resultou ser un proxecto longo e difícil, pero tamén moi gratificante e divertido. Dous anos de estudo proporcionan unha base bastante boa da lingua (levará moito máis tempo alcanzar un nivel avanzado). Sen esaxerar, podo dicir que me custou sangue, suor e lágrimas, pero mereceu a pena cada segundo.
Catarina Lilliehöök
Se se traballa duro acádanse bos resultados. Prema en máis consellos que o poidan motivar!
Esta estudante sentiuse atraída pola lingua obxecto de estudo porque lle encantaba a caligrafía chinesa. Isto suxire que é unha estudante visual. Gustaríalle analizar o seu estilo de aprendizaxe preferido?
Este texto foi escrito especialmente para Lingu@net Europa e publícase co permiso da súa autora, Catarina Lilliehöök, que tamén escribiu un libro en chinés sobre os choques e as diferenzas culturais, así como un libro sobre China en sueco.
