Experiencias motivadoras
Unha estudante de sueco conta a súa historia
Desde que teño uso de razón sempre me interesaron as linguas. Cando era pequena vía programas de televisión suecos para nenos (por algunha razón, sempre me atraeu a pronunciación sueca). O sueco sempre tivo un lugar especial no meu corazón. A miña motivación aumentou cando os meus profesores me gababan polas miñas habilidades lingüísticas. Cando tiña once anos púxenme un obxectivo: recibir unha bolsa para aprender sueco dous anos despois. Sentinme tan orgullosa cando oín o meu nome na festa de fin de curso!
A miña estratexia para aprender linguas é moi simple: intento escoitar a lingua tanto como podo. Non estou segura de por que é tan importante para min, pero estudar unha lingua paréceme difícil cando non teño unha cinta para oír. Cando escoito un texto repetidas veces, comezo a entender as características da pronunciación. Se cadra podo distinguir os compoñentes dunha lingua grazas ao sistema de pronunciación. Seríame moi difícil aprender unha lingua que xa non se fala, como, por exemplo, o latín.
Gústame buscar formas para que aprender me resulte máis fácil. Case nunca estudo as listas de vocabulario que aparecen nos libros de texto. Prefiro ler revistas ou novelas estranxeiras. Éme importante escoller os meus propios textos, porque se me interesa o contido resúltame máis fácil lembrar a lingua. Cando ía ao instituto escribía o meu diario en inglés. Miña nai e outros familiares meus son moi dados a querer saber da vida doutras persoas, pero, afortunadamente para min, non saben inglés! Así tamén aprendín a escribir sobre distintos temas con máis liberdade que antes.
Agora estou na universidade, estudando lingua e cultura francesas. Escollín francés porque me pode ser útil para atopar traballo no futuro. Canto máis aprendo, máis me gusta a lingua. Cada lingua e cada cultura teñen as súas características especiais, con aspectos positivos e negativos. Tamén é fascinante aprender expresións que non se poden traducir (polo menos non moi ben) noutras linguas.
Nesta historia a estudante é moi consciente das estratexias que usa. Ao principio, o máis importante para ela é escoitar a lingua o máximo tempo posible. Prema aquí para ler máis sobre diferentes estilos de aprendizaxe.
