Experiencias motivadoras
Técnica para aprender ruso
Unha descrición diferente e, ás veces, divertida, dunha estudante adulta sobre como combina a súa vida diaria coas súas afeccións. Un bo exemplo de constancia e inventiva provocadas por unha forte motivación por aprender.
Paso os días ocupada entre o coidado do gando na nosa granxa e da miña familia. Teño seis fillos e estou esperando o sétimo.
Sempre me interesou a arte, as distintas culturas, e a cría e a doma dos cabalos. Co tempo comprei unha egua árabe purosangue de orixe rusa. A perfección que caracteriza a estes cabalos árabes cativoume tanto que quixen aprendelo todo sobre eles.
Cando me elixiron membro do comité da asociación de cabalos árabes de Finlandia, comecei a soñar con ser capaz de traer un cabalo árabe purosangue de Rusia. Eu estudara inglés, sueco e alemán na escola, pero non sabía nin unha palabra de ruso.
Vivo nunha aldea pequena onde as posibilidades de aprender linguas son escasas. Con todo, un familiar meu estudara ruso no Instituto de Educación para Adultos e animoume a asistir. Ao comezo foime moi duro. Aprendemos o alfabeto rapidamente, pero a estrutura da lingua parecía difícil e as outras linguas non me servían de moita axuda. De todos os xeitos, estaba decidida a aprender. Por exemplo, escribía palabras en ruso na pizarra do cuarto do leite. Anotei o nome das vacas usando o alfabeto cirílico e saudei aos animais en ruso, pola mañá e pola tarde.
Sentinme un pouco fóra de lugar nas clases de ruso, porque no noso grupo había moita xente dun alto nivel educativo. Moitas veces non tiña tempo de facer os deberes ben, e outras non podía asistir porque algúns dos meus fillos ou animais estaban enfermos, ou algunha máquina rompía xusto cando ía saír para as clases. Ás veces cuestionei o meu dereito a loitar por esta afección.
Con todo, moi pronto me decatei de que o problema non eran tanto as circunstancias como os meus propios hábitos: xa que non podía estirar o tempo, a solución era organizarme mellor. O meu plan pódese chamar "ruso en calquera lugar e en calquera momento": e realmente funciona! Teño os libros enriba da mesa todo o tempo para que estean dispoñibles cando eu o estou. Cando levo os meus fillos ás actividades, eu saco o meu libro do bolso e comezo a ler. Se imos á praia, gozo do sol e paso as follas do dicionario mentres intento ler unha novela en ruso. Aumentei moito o meu vocabulario e xa non me poño nerviosa polas demais persoas da clase.
Interésame moitísimo toda a cultura rusa: probo receitas rusas, vexo programas rusos na televisión, sigo as noticias e leo todos os artigos que podo sobre a Rusia moderna. Comprei algunhas revistas rusas sobre cabalos e, para a miña sorpresa, entendín o que estaba escrito!
Agora estou de baixa maternal. Xa gardei unha novela rusa e un libro de gramática xunto co cepillo de dentes para levar ao hospital. Intento facer realidade os meus soños, paso a paso, con constancia e humildade.
Esta historia contén moitas ideas moi boas sobre como atopar formas de superar os obstáculos para aprender unha lingua. Quere ver máis consellos para cando teña pouco tempo? Ela tamén combina a acción coa aprendizaxe. É este o seu estilo de aprendizaxe ?
