Glosario de termos
Este glosario ofrece a definición dalgúns termos tal e como son empregados en Lingu@net Europa. O glosario non pretende ser exhaustivo, xa que nel só se recollen aqueles termos cuxa definición foi solicitada polos usuarios.
- Aprendizaxe en tándem
- Dúas persoas reúnense regularmente, en persoa ou por correo electrónico, en salas de leria (chats), por teléfono, etc. para facer intercambio lingüístico. A metade do tempo usan unha lingua e a outra metade, a outra lingua.
- Avanzado
- A palabra avanzado refírese aos niveis C1 e C2 tal e como se define na Escala Global do Marco Europeo Común de Referencia para as Linguas. Debe terse en conta que ás veces os materiais de aprendizaxe están baseados nas diferentes concepcións de estudante avanzado.
- Cinestésico
- Os estudantes prefiren estilos diferentes á hora de aprender linguas. Un estudante que recorra á metodoloxía cinestética é aquel que prefire aprender participando de forma activa e movéndose fisicamente.
- Destreza
- O coñecemento dunha lingua abrangue distintas áreas, que se chaman destrezas, como a comprensión de lectura, a expresión escrita, a comprensión oral e a expresión oral. A gramática e o vocabulario tamén se poden practicar por separado e con frecuencia aparecen na lista das destrezas, mesmo se xa están incorporados nas outras. A pronunciación e a ortografía tamén se poden considerar destrezas separadas dentro das áreas da expresión oral e a expresión escrita. As destrezas socioculturais e funcionais refírense á habilidade de usar unha lingua dun modo apropiado cultural e socialmente.
- Fiable
- Un exame de lingua fiable ou outra ferramenta de cualificación fiable produce os mesmos resultados se a proba se repite, independentemente de quen a corrixa. Nunca se acada o 100% de fiabilidade, pero os bos exames aspiran a ser moi fiables.
- Intermedio
- A palabra intermedio refírese aos niveis B1 e B2 tal e como se definen na Escala Global do Marco Europeo Común de Referencia para as Linguas. Debe terse en conta que, ás veces, os materiais de aprendizaxe están baseados nas diferentes concepcións de estudante intermedio.
- Lingua fonte do recurso
-
A lingua fonte do recurso é aquela na que se presenta o
material ou recurso de aprendizaxe. É máis fácil usar
recursos a través dunha lingua xa coñecida. Por exemplo:
- Un recurso para aprender finlandés que estea pensado para falantes de alemán e que explique a gramática e o vocabulario en alemán: finlandés = lingua obxecto de estudo, alemán = lingua fonte do recurso.
- Un dicionario inglés-español: inglés = lingua fonte do recurso, español = lingua obxecto de estudo.
- Un artigo de investigación en neerlandés sobre o ensino do francés a estudantes novos: neerlandés = lingua fonte do recurso, francés = lingua obxecto de estudo.
- Lingua obxecto do recurso
-
A lingua obxecto de estudo ou lingua meta é a que vostede
quere aprender ou á que quere traducir un texto. Ademais, no
contexto de Lingu@net Europa, a lingua obxecto de estudo é
aquela que un determinado recurso pretende ensinar ou á que
se fai referencia. Por exemplo:
- Un recurso para aprender finlandés que estea pensado para falantes de alemán e que explique a gramática e o vocabulario en alemán: finlandés = lingua obxecto de estudo, alemán = lingua fonte do recurso.
- Un dicionario inglés-español: inglés = lingua fonte do recurso, español = lingua obxecto de estudo.
- Un artigo de investigación en neerlandés sobre o ensino do francés a estudantes novos: neerlandés = lingua fonte do recurso, francés = lingua obxecto de estudo.
- Materiais auténticos
- Recursos na lingua obxecto de estudo que se poden usar para o ensino e a aprendizaxe de linguas, aínda que orixinariamente non estean deseñados para este propósito, p. ex. xornais, previsións meteorolóxicas en liña, horarios, guías de museos e galerías. Lembre que non precisa entender todas as palabras para obter moita información!
- MOO
- Un MOO (Multi-User-Domain Object Oriented, Dominio Multiusuario Orientado cara un Obxecto) pódese describir como un tipo de xogo de computador en liña onde os usuarios poden construír o seu propio ambiente e comunicarse cos outros ‘xogadores’. Hai MOOs deseñados especificamente para a aprendizaxe de linguas.
- Nivel
- O coñecemento dunha lingua oscila entre o recoñecemento dunhas poucas palabras e a comunicación efectiva en varias situacións. Este camiño pódese dividir en varios pasos chamados niveis, tales como principiante, intermedio e avanzado.
- Palabras clave
- Os termos ou frases máis importantes.
- Prefixo
- Elemento que se pode engadir ao principio dunha palabra para convertela nunha palabra nova, por exemplo des- ou re- como en desfacer ou reescribir.
- Principiante
- A palabra principiante refírese aos niveis A1 e A2 tal e como se define na Escala Global do Marco Europeo Común de Referencia para as Linguas. Debe terse en conta que, ás veces, os materiais de aprendizaxe están baseados nas diferentes concepcións de principiante.
- Sinónimo
- Unha palabra cun significado igual ou moi semellante a outra, por exemplo sarabia = pedrazo.
- Substantivo
- Unha palabra que se refire a unha cousa, persoa ou idea, p. ex. coche, filla, amizade.
- Válido
- Un exame de lingua válido ou outra ferramenta de avaliación mide o que se espera que mida. Un exame nunca alcanza o 100% de validez, pero un exame bo sempre intenta acadar un alto grao de validez.
- Verbo
- Unha palabra que se refire a unha acción ou evento, p. ex. correr, aprender, soñar.
- Xogo de roles
- Unha actividade de aprendizaxe na que o estudante asume un papel para practicar unha serie de destrezas lingüísticas.
[ arriba ]
